“O obxectivo da Business Factory Auto é dinamizar o proceso de mellora da competitividade da industria do automóbil en Galicia”

xoves, 6 Outubro, 2016 - 14:00
  • Juan Cividanes, director de XesGalicia, explica en V Televisión que a BFA é unha iniciativa pioneira en Europa, aberta e vertical, que busca acelerar e consolidar proxectos innovadores no sector da automoción

A Business Factory Auto (BFA) é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia, PSA Peugeot Citroën – Centro de Vigo, o Cluster da Automoción de Galicia (Ceaga) e o Consorcio Zona Franca de Vigo para a creación dun ecosistema innovador entorno ao sector da automoción, mediante a creación e consolidación de startups que den resposta aos desafíos tecnolóxicos que se están a producir nesta industria. 

Juan Cividanes, director de XesGalicia, explicou no programa ‘Galicia Innova’ de VTelevisión que a BFA é unha iniciativa pioneira en Europa, que se basea no concepto da xestión emprendedora de proxectos (corporate venturing). O seu obxectivo é mellorar a competitividade do sector da automoción, mediante un programa de aceleración e a consolidación de proxectos especializados no sector para transformalos en empresas innovadoras e viables, que atraian e reteñan talento en Galicia.

Na xornada informativa celebrada en Nigrán o pasado 14 de setembro, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, afirmou que se trata dunha oportunidade para que esta industria poida desenvolver cerca de medio centenar de novos proxectos de innovación, abrindo a porta a start ups que revolucionen a economía galega. Neste sentido, subliñou que o proxecto simboliza a unidade de Galicia para colocar a automoción da comunidade á cabeza da innovación europea.

Ademais de Juan Cividanes, no programa ‘Galicia Innova’ de VTelevisión tamén participaron Alberto Cominges, xerente de CEAGA e Teresa Pedrosa, delegada da Zona Franca de Vigo, as outras entidades que participan no proxecto, xunto coa factoría de PSA Peugeot-Citroen de Vigo.

Video Galicia Innova