A Xunta destaca que VíaGalicia exemplifica o compromiso que existe en Galicia polo emprendemento innovador

martes, 8 Agosto, 2017 - 10:30
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visita cinco iniciativas desta aceleradora que están a traballar nos viveiros industriais do parque empresarial Porto do Molle, en Nigrán
  • O Goberno galego, xunto co Consorcio Zona Franca de Vigo, vén de convocar a quinta edición da aceleradora VíaGalicia, cuxo prazo de presentación permanece aberto ata o 29 de setembro e na que se investirán 2,65 millóns de euros
  • VíaGalicia, activada en 2013 e na que teñen participado máis de 120 proxectos, forma parte da rede de acelerados da Xunta que, desde hai catro anos, impulsou máis de 500 iniciativas

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, destacou esta mañá en Nigrán, durante a visita a cinco das iniciativas de VíaGalicia que están a traballar nos viveiros industriais de Porto do Molle, que esta aceleradora apoiada pola Xunta exemplifica o compromiso que existe na Comunidade por impulsar o emprendemento innovador e por contribuír, deste xeito, ao fortalecemento do tecido industrial e empresarial galego.

Sinalou que tanto a aposta polo emprendemento como pola innovación son dúas das claves para conseguir unha Galicia máis competitiva, favorecendo así a creación de emprego de calidade e a posta en marcha de novas solucións deseñadas desde a Comunidade para calquera lugar do mundo. Neste sentido, subliñou que Galicia quere consolidarse como unha terra de oportunidades e un ecosistema innovador.

A directora, que asistiu acompañada da delegada do Consorcio de Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, e do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, puido coñecer de primeira man o traballo que están a realizar os emprendedores de Calabizo, Dika, Help Flash, Idawen e Resetea en sectores tan diferentes como a alimentación, o automóbil, a seguridade, o téxtil ou a reciclaxe.

Patricia Argerey lembrou que ata o 29 de setembro os interesados en participar na quinta edición de VíaGalicia -unha iniciativa realizada pola Axencia Galega de Innovacion xunto co Igape e XesGalicia en colaboración co Consorcio Zona Franca de Vigo e Vigo Activo- poden presentar os seus proxectos para ser un dos 15 seleccionados que accederán á aceleración das súas iniciativas. O programa, que ofrece acompañamento na maduración, financiamento e posta en marcha dos proxectos, conta cun investimento de 2,65 millóns de euros.

VíaGalicia activouse en 2013 e, desde entón, investíronse preto de 6,4 millóns de euros e apoiáronse máis de 120 proxectos, dos que 54 xa son realidades empresariais. Unha das novidades desta edición é que aos 15 proxectos seleccionados se sumarán outros dous procedentes das fases de Academia das anteriores edicións.

Tal e como sinalou a directora de GAIN, VíaGalicia enmárcase no programa de aceleración de empresas innovadoras -un dos instrumentos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3)-, xunto con aceleradoras como Agrobiotech, Galicia Open Future, Connecting for Good Galicia ou a Business Factory Auto. A través desta rede de aceleradoras, xa se levan impulsado máis de 500 proxectos nos últimos catro anos.

Proxectos

Durante a visita, Patricia Argerey mantivo reunións cos emprendedores para coñecer o avance dos seus traballos. Así, a iniciativa Calabizo adícase á elaboración de chourizos de cabaza, un produto 100% vexetal, con sabor e aspecto de chourizo tradicional. Pola súa parte, Dika permite aos talleres a limpeza automática do sistema de control de emisións contaminantes dos vehículos de xeito respectuoso co medio ambiente.

O proxecto Help Flash está centrado na mellora da seguridade viaria cun sistema de luz de emerxencia que facilita a sinalización dun vehículo de xeito máis rápido e seguro. Idawen é unha marca de moda deportiva que utiliza avanzada tecnoloxía e aposta pola funcionalidade dos seus deseños; mentres que Resetea crea e comercializa produtos sustentables obtidos a partir da reutilización e reciclaxe de residuos.

Patricia Argerey felicitou aos integrantes dos proxectos pola súa aposta polo emprendemento innovador e destacou que un dos principais obxectivos do Goberno galego é conseguir que as boas ideas se convertan en realidade e non se queden sen executar, poñendo ao seu alcance todos os recursos cos que conta a Administración para que consigan os seus obxectivos.

ViaGalicia