A Xunta impulsa coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e a Zona Franca o emprendemento innovador no sector forestal

venres, 8 Setembro, 2017 - 13:00
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salienta que esta iniciativa permitirá afondar na creación dun ecosistema emprendedor apoiando novos proxectos que poden achegar valor engadido a esta industria
  • O gañador do premio ao proxecto forestal innovador organizado pola entidade cameral poderá acceder a un espazo coworking da Zona Franca e ao financiamento de XesGalicia
  • Subliña que a creación da Axencia Galega da Industria Forestal permitirá abordar desde unha visión integral a modernización, a internacionalización e a formación
  • Apunta que a industria da madeira é un dos sectores con mellor evolución no índice de produción industrial, que no seu conxunto rexistra un crecemento do 4,7% en xullo con respecto ao mesmo mes do ano anterior

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a colaboración da Xunta e a Zona Franca de Vigo coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía vai permitir afondar na creación dun ecosistema emprendedor que achegue valor engadido ao sector forestal galego. Mediante o acordo que se presentou hoxe o gañador do Premio ao proxecto innovador forestal, que organiza o ente cameral xunto con Ence, poderá acceder a un espazo coworking en Porto do Molle (Nigrán), así como ao financiamento de XesGalicia.

Na súa intervención, o conselleiro destacou a importancia do sector forestal para Galicia, cunha facturación de arredor de 2.000 millóns de euros, 3.000 empresas e 70.000 empregos en toda Galicia, e salientou que para a Xunta é un dos sectores estratéxicos máis relevantes. De aí a creación da Axencia Galega da Industria Forestal, unha entidade específica que tal e como explicou Conde vai traballar de forma directa para incrementar o valor dos produtos e a modernización e a innovación, favorecendo tamén a internacionalización e a comercialización, ao tempo que se fomenta o emprego de calidade a través da incorporación de persoal cualificado.

O conselleiro sinalou que o sector vai ser tamén un dos beneficiados da Lei de implantación empresarial que se está a tramitar, que entre outros aspectos vai favorecer un sistema de cortas máis simplificado desde o punto de vista administrativo.

Por outra banda, Conde fixo referencia a que segundo os datos do índice de produción industrial que hoxe se deron a coñecer Galicia sigue crecendo por riba da media nacional, e así a produción industrial galega medrou en xullo un 4,7% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, fronte ao 2% de crecemento que rexistra o conxunto estatal. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria subliñou que o crecemento se está producindo en sectores clave para a economía galega, destacando a automoción, cun 22,1%, a metalurxia, cun 13,1%, e a propia industria da madeira, que crece un 16,8%.